quinta-feira, 29 de novembro de 2007

1811

1811
Pasaran xa doce longos anos naquela casa e parecía que xa formaba parte do enxoval. Raras veces, a escasa xente que por alí pasaba reparaba en mín pra fitarme ou adicarme unas verbas. Só os xoves me acicalaban coidadosamente coma un meniño nun día de festa.
Anceiaba que chegase ese día e con el a limpeza e os aloumiños.
Era unha das poucas satisfaccións que podía recibir naquel vello e escuro pazo. O ar facíase naquel día máis respirable, polos recendos que fuxían dos xabóns que usaba o persoal do servicio.
O cuarto onde eu estaba tiña unha fiestra que daba ó pantano, que a simple vista non parecía gardar tanta vida como en verdade tiña. Algunhas noites os lobos rondaban nel á busca dalgunha presa que levar á boca. E os seus ouveos, lonxe de meterme medo, facíanme sentir menos só do que en realidade estaba.
Todo mudou unha noite de novembro do 1811. Dúas aldrabadas ecoaron no vello pazo rachando aquela tranquilidade na que eu me atopaba. O rinchar do vello e pesado portón de carballo, advertiume de que aquela noite tería visita.
Anque non era xoves o ar encheuse de vida e frescura. Unha voz feminina, doce e lene, como poucas oíra na miña vida, preguntou -¿hai alguén…?
No sei por qué pero … non respostei, anque desexaba telo feito, no canto diso, déuseme por xogar coa miña inesperada invitada e ficar quedo coma se fose un trebello máis dos que alí había.
Oín pasos escada arriba, os vellos chanzos da escaleira de carballo chiaban de dor debaixo dos delicados e pequerrechos pes da miña óspede, so iso xa daba lixeira impresión do lamentable estado no que se atopaba o pazo.
- Hola -¿hai alguén aquí…? Repetía coma se dunha aburrida canción infantil se tratase. Eu seguía sen contestarlle, anque o que máis desexaba era ve-la súa face cando me vise.
Naquel intre comezou a chover e aveciñábase unha treboada.
Os doce anos afundido no mutismo e no hastío máis absolutos nuns intres non serían máis ca un mal recordo.
Os pasiños facíanse cada vez máis presentes, puiden percatarme de que xa entrara no recibidor do meu cuarto, e o encontro era inminente. Non había marcha atrás, a sorte estaba botada, e todo parecía apuntar que por unha vez a moeda ia caer do meu lado, por una vez en doce anos ia conseguir que alguén me dixese algo, que me tratasen dun xeito distinto.
Un lóstrego iluminou o cuarto e un berro afogado subiu dacabalo do eco por todo o pazo, a luz iluminou todo o tempo suficiente para que a miña bela e inesperada invitada divisara unha vella e descoidada lámpada de aceite e a acendese, non sen pouco traballo por causa da humidade … aquela maldita humidade que tanto dano me tiña feito nos derradeiros doce anos.
A lene e amarela luz do candil facía un pouquiño máis acolledor aquel frío cuarto. Mentres tanto a miña invitada
vagaba pola estancia, movida pola curiosidade ou quizais na busca dalgún vestixio de vida que a fixese sentirse ben.
Mentras arrandeaba a vella pero aínda confortable mecedora co candil apoiado no seu xeonllo advertiu un reflexo ó fondo do cuarto, ergueuse engordiño, cunha chea de ruxires baixo dos seus minúsculos, delicados e preciosos pés. Achegouse de vagariño ó reflexo.
Fóra a treboada facíase cada vez máis presente. Un lóstrego foi bater coa vella gárgola de bronce do torreón da parte norte do pazo, e fixo un estrondo enxordecedor.
Dende a miña privilexiada posición podía ver como acicalaba e colocaba cos seus longos e finísimos dedos a longa e loira melena. Doce anos de sopor e ostracismo parecía que ian desaparecer dun intre a outro.
Cando xa estaba diante de min e estirando a súa branca man, acariñoume cun lene movemento de esquerda a dereita. Puiden entón senti-la calor daquela man, o recendo a xazmin, romeu e inocencia, o lene pisar dos seus delicadiños pés no chan de cedro e incluso a sensación de que aquela sería a vez que máis preto ía estar dunha muller fermosa.
Eu estabaa vendo, tranquila, doce, confiada,… tiñaa tan preto… pero á vez moi, moi lonxe, e ela … ela … no canto de verme a min…, estábase vendo a si mesma, baixo da lene e amarela luz do candil, naquel ancián espello de madeira de noceira coa ánima danada pola la carcoma e a soidade, no pazo a escasos metros do pantano, naquela noite de treboada en novembro do 1811.

terça-feira, 27 de novembro de 2007

CANTIGAS DE CANTEIROS


Canteiros de Pontevedra

¡Miña Santa Liberata!

Levan os picos de aceiro

hannos de traer de prata


Canteiros de Pontevedra

vosoutros ben o sabedes

por unha nena bonita

rompedes sete paredes


Canteiriño, pica e canta

e deixa á costureira

ela perde de casarse

e ti de picar na pedra


Non te cases, miña nena

con pedreiro que ben canta

que trae o polvo da pedra

dentro da súa garganta.


Pica, canteiriño, pica

pica na pedra miúda,

pica na muller allea

que outro picará na túa


Dous de Xeve e un de Bora

botan ao mestre fóra

e se ven un de Marcón

tamén botan ao patrón.


Nas palabras dos canteiros

meniñas non confiedes

collen os picos e vanse

meniñas, ¿Que lle faredes?

sábado, 24 de novembro de 2007


Seis días de camiño

Aínda sendo un deus, non podía dar credo ó que estaba a ouir …
Máis de tres mil anos de existencia, e endexanáis lle pediran un desexo coma aquel …
Co cansazo apoiado nun humilde caxato, torpemente tallado nunha vara de aveleira, e unha túnica que, en calquera momento podía deixar tóda-las súas miserias máis ó descuberto se cabe, aquel home, volveu exhalar un fío de voz para deixar outra vez constancia do seu desexo.
-Sei que lle parecerá unha nimiedade, dixo, cos ollos moi abertos nun van intento de parecer máis sinceiro do que estaba sendo- pero xúrolle, que non intento rirme de vostede, o que lle estou a pedir, é o que en realidade desexo, e nas súas mans está concedermo.
-¿Acaso pensas que son estúpido? Díxolle aquel deus nun ton anoxado.
¿Estasme dicindo que camiñaches durante seis días para pedirme iso …? ¿É que non te das conta da túa pobreza …? ¿Por qué non fas coma tódo-los demáis e me pides algo para sair da túa miseria …?
Aquel ancián nin tan sequera tivo valor para contestar de viva voz, así que se limitou a arrandea-la cabeza da dereita á esquerda un par de veces.
Aquel deus, que nese intre tiña na face unha expresión pouco amigable, cambiou de actitude e achegándose lentamente a él, deulle unha aperta durante cinco longuísimos segundos e díxolle á orella:
-Mentiría se non che dixese que morría de curiosidade por saber por qué me pides iso, mentiría se non che dixese que morrería de angustia ó saber que podo facer algo por ti, e non o fago; así que volve á túa casa … e desfruta do teu desexo …
O ancián mirouno ós ollos, e logo de darlle as grazas, coa ollada máis ca con verbas, recolleu no talle a súa desfiañada túnica e co caxato de aveleira na súa man dereita, marchou por onde viñera, consciente de que nalgún intre a súa súprica sería escoitada.
Máis de seis días despóis, co cansazo apretándolle os ósos, o ancián entrou naquel furado escarbado na rocha ó que teimaba en chamar fogar.
Acendeu un candil, sentou no chan, coas pernas cruzadas e ó vira-la cabeza, un brillo na penumbra chamoulle a atención, era o seu desexo … unha cunca de té.
O suficientemente quente para agardar o momento idóneo para poder bebelo, o suficientemente doce para facer esquecer os máis de seis días de penoso camiño e … servido en bandexa de prata … como se serven as oportunidades.

Rematou.

gracias Peque pola traducciòn

quinta-feira, 1 de novembro de 2007

VIDA E MORTE DE MILUCHO


Quero chamar a atenciòn dos millòns de lectores do meu blog
para ensalzar mais se cabe a figura dun dos persoeiros mais
salientables da cultura popular galega, estoume a referir
como non, o ilustrìsimo Milucho MacCallan Cajaraville.
A el debèmoslle tantas aportaciòns os diferentes campos da
cultura, que necesitariamos unha libreta das gordas para
apuntalo todo.
Milucho foi un dos impulsores da carreira espacial en Galicia.
Intentou poñer en òrbita un chimpìn atàndolle media ducia de
foguetes das festas, 3 anos despois, cando espertou do coma
que lle produciu tan tremebunda explosiòn, Milucho formulou o
seu seguinte soño... facer unha estaciòn espacial a base de
xestas e cachos de uralita.
Home de espiritu incansable e tolo coma un can pola
deflagraciòn do seu chimpin espacial, Milucho, a base de tesòn
esforzo e sacrificio, estudiou para deixar de ser aquel home
estùpido e pailàn, para ser pailàn a secas
No campo da zooloxia fixo descubrimentos asombrosos coma as
novas especies descubertas nas selvas de Godos e Mosteiro. A
el debenselle o coñecemento para o mundo da colebra pitadora,
o koala do pais, o hipopòtamo de palleiro, e as personas de
Baion. Estas ùltimas, estan sendo minuciosamente estudiadas
pola sua capacidade de inxerir litros de barniz e kilos de
jalletas de coco sen sufires efecto secundario algùn.
Nos ùltimos anos da sua vida, Milucho entregouse por completo
a adicciòns perigosas ( Nolotiles e camisas de terlenka) o que
o fixo caer na depresiòn mais profunda e nalgunha cuneta
tamèn.
Precursor das artes marciais en galicia foi quen de inventar o
kung fu do paìs.. e de se-lo primeiro ninja pandereteiro do
mundo.
FIN DA PRIMEIRA PARTE.
SIGO SEN SABER POÑER FOTOS QUE PEGUEN
CON TEMA QUE ESTOU A TRATAR.